Thursday 25 de April de 2024

A conselleira de Infraestruturas anúncialle ao alcalde de Noia o investimento de 700.000 € na posta en valor da ponte de Pontenafonso


 

 

Ethel Vázquez anuncia que en 2020 se acometerán tamén melloras na Ponte de Ceilán e se licitará o remate das obras do alumeado da Ponte de Noia, tras a quebra técnica da anterior adxudicataria

As pontes do municipio foron un dos temas principais da reunión mantida recentemente polo alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Economía, Laura Salgado, coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen confirmou varios investimentos de cara ao 2020 en tres viadutos do municipio: Pontenafonso, Ponte de Ceilán e Ponte de Noia.

A máis importante, cuantitativamente falando, será o proxecto de mellora da ponte de Pontenafonso, presupostado en 700.000 euros. Santiago Freire explica que esta ponte, que une Noia e Outes, “require dunha mellora na súa estabilidade e na capa de rodadura. Recentemente vén de restrinxirse o tráfico de vehículos pesados a través desta ponte de gran valor patrimonial, unha ponte medieval cun importante valor arquitectónico e paisaxístico que agora se vai ver mellorada”. Así, está previsto eliminar a actual capa de aglomerado na superficie, que será substituída por outra con adoquíns. “So poderán pasar turismos e vehículos autorizados ata unha determinada tonelaxe para garantir a súa preservación”, adianta o alcalde noiés.

A maiores, substituiranse os elementos de protección danados e implantarase un novo sistema de alumeado. “Unha posta en valor dun dos elementos patrimoniais que terá un protagonismo importante nese Camiño de Peregrinación a Santiago pola Ría de Muros Noia no que estamos a traballar nove concellos”, indica Freire Abeijón.

Ponte de Noia e Ponte de Ceilán

Durante a reunión, a conselleira explicoulle ao alcalde de Noia as motivacións do atraso nas obras do novo alumeado da Ponte de Noia, que inicialmente tiñan que estar executadas no verán. As obras, adxudicadas en máis de 280.000 euros, comezaron hai uns meses para mellorar o alumeado actual, evitando calquera problema de contaminación lumínica pero “a conselleira trasladounos que a empresa adxudicataria presentou unha quebra técnica, polo que hai que iniciar de novo o proceso de licitación do que falta por acometer da obra, polo que haberá un atraso ata que se volvan adxudicar as obras”, apunta o alcalde.

Por outra banda, Santiago Freire amosou a súa satisfacción porque “Ethel Vázquez confirmou unha importante actuación na Ponte de Ceilán sobre o río Tambre de reforzo dos elementos de protección lateral da ponte. É unha actuación que se fará ao longo de 2020 e que inclúe unha mellora do alumeado desta ponte entre Noia e Outes para incorporala ao tráfico peonil tamén en horario nocturno”. Unha actuación que conta cun orzamento de máis de 200.000 euros e cuxo proceso de licitación no 2019 quedara deserto.

Depuradora

Noutra orde de cousas, “un dos temas prioritarios para Noia é o marisqueo e por iso tratamos sobre o funcionamento da depuradora e da rede de saneamento. En 2019 a Consellería de Infraestruturas achegou 150.000 euros para a mellora estrutural da depuradora. Eu trasladeille á conselleira a necesidade de seguir traballando para optimizar esta instalacións e contar cunha proposta de colaboración de cara a 2020 semellante ao deste ano que remata”, apunta Santiago Freire. Así mesmo, a conselleira confirmou a boa marcha da elaboración do Plan Director de Saneamento do municipio, que permitirá facer un diagnóstico global da rede, identificar puntos de vertido e priorizar as actuacións a acometer.

A maiores, a conselleira confirmou que o proxecto de construción dunha rotonda na AC-550, á altura da Barquiña, e dunhas novas beirarrúas ao longo desa travesía ata a Alameda de Noia, presupostado en 1.170.000 euros, someterase a exposición pública nos primeiros meses de 2020, tal e como lle trasladara ao alcalde noiés o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Un proxecto que inclúe a execución dunhas novas beirarrúas ata o núcleo urbano, coas correspondentes canalización de abastecemento e recollida de pluviais soterradas, da mellora da capa de rodadura e dun reaxuste do eixo da estrada para permitir habilitar unha zona de aparcamento nunha das marxes do viario.

Transporte

Santiago Freire puxo en valor estas xestión ante a conselleira, así como diante do director xeral de Infraestruturas, “como puidemos ver esta semana co anuncio da licitación e reforma da estación de autobuses de Noia, que suporá unha inversión de 270.000 euros e que complementará as actuacións realizadas nos andéns e no exterior. Vai supoñer unha remodelación interior do edificio, mellora das condicións de illamento e eficiencia enerxética, así como das condicións de estabilidade, xa que está nunha zona recheada e iso provocou certos apisamentos e asentamentos que se pretenden corrixir”.

Segundo Freire Abeijón, “é unha aposta clara pola mellora do sistema de transporte de viaxeiros, sobre todo nunha estación de máis de 30 anos e necesitada dunha actualización, e suporá unha inversión de 600.000 euros nestes 4 últimos anos, o que fala da aposta da Xunta polo sistema de transporte público en Noia”.

Finalmente, o alcalde tamén lle trasladou á conselleira a necesidade de instalar novas marquesiñas nas estradas titularidade da Xunta, así como buscarlle unha solución ao problema para habilitar unha parada na localidade de Ousoño.